A editorial Canela dedícalle un libro-CD ao gaiteiro Nela de Bres

Abre unha serie dedicada á música que rescatará intérpretes e obras da tradición oral

Capa de <i>Nela de Bres</i>
Capa de Nela de Bres
Manuel Enríquez Fernández, "Nela de Bres" é o título do libro-CD co que a Editorial Canela quere recuperar a figura deste gaiteiro do concello asturiano de Taramundi. A obra, de 200 páxinas, recolle artigos de Pablo Quintana, Juanjo Fernández, Xerardo F. Santomé, Xosé Ambás, Luis Prego e Xabier Díaz, así como 125 fotografías do músico. Pola súa banda, no CD poden escoitarse 24 temas, sete deles inéditos, gravados polo propio Nela en colaboración con outros intépretes.

A obra é a primeira da serie dedicada á música dentro da colección Tradición Oral. Segundo explican desde a editora, na mesma trataranse contidos vencellados á música tradicional e achegaranse investigacións sobre músicos históricos.

Entre os vindeiros traballos nesta liña está prevista a próxima edición de Os instrumentos musicais na lírita tradicional galega, un traballo de Carlos Rei que repasa a presenza dos instrumentos nas cantigas populares. Para máis adiante a editora traballa nunha obra dedicada ao grupo Os Trabadelos de Oscos, onde se recuperará unha gravación de 1960 deste conxunto tradicional.